Sunday 28 de April de 2024

Obradoiros de preparación para o acceso ao conservatorio


A concelleira de Educación Cruz Rivadulla e o director do Conservatorio de Ribeira, Álvaro López presentaron hoxe os obradoiros de preparación para o acceso ao Conservatorio de Música Profesional de Ribeira Enrique Paisal.

Son obradoiros dirixidos a nenos a nenas de entre 8 e 14 anos que desexen facer a proba de acceso para cursar estudos no Conservatorio; e terán 4 sesións para que os rapaces se poñan en contacto coas distintas modalidades que se imparten no centro.

Segundo explicou o director, o obradoiro será gratuíto e impartido polo profesorado do centro. As inscricións poderanse facer a través da páxina web do Concello a partir do día 2 de abril e as prazas asignaranse por orde de chegada, xa que hai un ratio de 15 alumnos e alumnas por grupo.
“Para acceder ao grao elemental de música é preciso facer a proba de acceso, na que se traballan aspectos técnicos de caracter auditivo e psicomotriz” explicou Álvaro López. “O obradoiro estará distribuído en 4 grupos, que terán unha sesión semanal de clase cunha duración de 45 minutos, onde se traballarán estes aspectos técnicos.”

O obradoiro do primeiro grupo impartirase os días 8, 15, 22 e 29 de abril, o segundo o 9, 16, 23 e 30 de abril, o terceiro grupo impartirase os días 10,17, 24 de abril e 8 de maio, e por último, o cuarto grupo 11, 18, 25 de abril e o 2 de maio.